AS DUNAS DE SAMIL

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL

02 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Estiven a semana pasada en Vigo e fun dar un paseo pola praia de Samil. Chamoume a atención nun dos extremos unha pequena zona cercada con fío de arame e estacas cilíndricas. Achegueime a ver de que se trataba e vin uns carteliños nos que se avisaba de que non se podía pasar por ser unha zona de recuperación de dunas. Por alí andaba, amañando na cerca, un rapaz cun mono azul. Como eu as únicas dunas que coñezo son as de Almería e as de Canarias, que se extenden ó longo de quilómetros e quilómetros en paraxes desérticos, pregunteille de que ía aquel asunto. Contoume que pertencía a ONG Herbas e que, en colaboración co concello estaban tratando de recuperar aquela zona que, aínda que moi deteriorada, era de dunas e que tiña unha flora e unha fauna específica que corría perigo de desaparecer se non se protexía. Nun intre dado díxome con satisfacción sinalando para a area: ¡Fíxese como medraron as dunas só nestes catro días de vento! Falaba delas como unha nai falaría dun fillo enfermo e convalecente. Eu ollei e só vin uns montonciños de area nos que a penas asomaban unhas herbas raquíticas. Pensei no que pasará cando cheguen as multitudes que abarrotan Samil -e calquera praia- no verán. O rapaz seguiu explicando que o paseo que percorre a praia cortoulle o camiño á area, pero que eles propoñen que se faga un paso elevado naquela parte para que se poda recuperar toda a zona dos pinares. Eu pensaba nas familias que fan parrilladas á sombra dos pinos, nos cans soltos, nos nenos e menos nenos que toman a praia por un campo de deportes... Facía un día frío e ventoso. Eu levaba posto un anorak, un gorro de la, guantes forrados, unha bufanda. O rapaz levaba só o mono azul. É biólogo, pero o que estaba facendo entón era serrar estacas cunha serra igual á que había na carpintería dos meus avós, o típico serrón, e chantalas na area para completar o valado. Hai que facer de todo, me dixo. Desexeille sorte e funme e, de súpeto, decateime de que aquela escena tiña un claro carácter simbólico. Eu encarnaba o espírito escéptico e desengañado dos adultos, e aquel rapaz representaba a forza, a esperanza e o idealismo da xuventude, capaz de loitar por causas aparentemente perdidas sen escatimar esforzos e sen desanimarse polos fracasos. Aquel papel non me facía ningunha gracia, pero tendo como tiña a destrozada illa de Toraia diante dos ollos e na memoria o desastre urbanístico da cidade, non podía deixar de pensar que aquel biólogo estaba perdendo o tempo. E nembargantes, antes de deixar o paseo, volvín a vista atrás para botarlle unha derradeira ollada ó mar, e entón: ¡vin as dunas! Pequenas, si, pero dunas, e con estes ventos seguro que medrarán axina... O idealismo debe de ser contaxioso porque pensei que cunha pouca de sorte igual sobreviven ó verán.