AS NENAS E AS FADAS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

05 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Un amigo co que falei onte pola tarde estaba convencido de que a columna do día que lle dediquei ás fotografías de fantasmas, incluído Lincoln, era un invento literario. Tiven que enviarlle un fax coas probas. Espero que hoxe non teña que facer o mesmo, pois vou falar das fotos de fadas que fixeron hai anos dúas rapaciñas inglesas, Elsie e Frances. Nunha desas fotos, a única que coñezo, vese á primeira das nenas, que daquela tiña arredor de quince anos, retratada ó lado dunha fada preciosa, que se parece moito a unha figura feminina minúscula, con ás de bolboreta, ou quizais de querubín, cunha flor na man. O asunto deu moito que falar durante sesenta anos. Nada menos que Arthur Conan Doyle, o inventor da figura de Sherlock Holmes, o máis famoso detective da historia, foi un entusiasta defensor da autenticidade das fotos. Aínda que ó principio se amosou algo escéptico, un informe de expertos da casa Kodak, que certificaron a ausencia de calquera fraude, o converteron á aquela causa, tan poética. El mesmo as publicou na súa revista. En 1985, xa octoxenarias, Elsie e Frances confesaron a verdade: as fadas eran recortes de papel, prendidos con alfinetes. As razóns de tan longo silencio foron nobres. Non querían deixar en mal lugar a Conan Doyle, que tanto as apoiara fronte a todos cantos as acusaron de seren unhas tramposas. Por outra parte, estaban sorprendidas da contundencia dos informes técnicos que avalaban o milagre. Cando as dúas señoras aclararon os feitos, houbo moitas persoas que se sentiron decepcionadas. Por precipitación, pois elas mesmas dixeron tamén que viran fadas de verdade voando pola horta. A xente, sen embargo, non quixo crelas.