ENTROIDO

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

07 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A sentencia de Lampedusa, sabia: É preciso que algo cambie para que todo siga igual. Ou a canción de Serrat: Vuelve el rico a su riqueza, vuelve el pobre a su pobreza y el señor cura a sus misas. Son punto e final deste marabilloso inferno, ou paraíso: entroido. As máscaras percorren as rúas crendo que son personaxes dun teatro inacabado. Eva namórase dun Adán perdido no medio dun gintonic con sabor a melancolía. Os ollos crúzanse como dardos que cravan a súa pica de seda azul entre os dedos. Carnaval. Eu instalei nel a memoria máis fermosa. E sigo morando nas canellas de fariña e cigarróns que a miña tribo, este Verín abismal, debuxou no fondo da miña alma. Carnaval. Lánzate a el como se fose unha mazá madura plena de trigo e bolboretas. Vive. Vivir é un corte de mangas aos malos tempos que nos tocan. Colócalle á túa sombra o desfraz de pallaso. Baila con ela no medio do frío. E brinda coa lúa por un futuro grato, verde como as uñas deste país que non é Irlanda. Despois nada cambiará. O rico, e o pobre, e o cura, regresarán á estación de destino do seu presente. Pero a ti non han de roubarche a memoria. Ese lugar onde habita, digo, a felicidade.