SUPERVIVENCIA DO MITO

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

18 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Ven á nosa memoria a figura da galega Inés de Castro. Lembramos a súa triste historia. Desta historia atristurada fixo Vélez de Guevara o drama Reinar después de morir. No título quixo aludir o autor ó mito, á dimensión fabulosa, poética, dunha peripecia humana que sobrevive nun pobo. Supervivencia causada, mesmamente, polo seu mesianismo. O que non chega a ser na vida pode atopar acabamento, obxecto, na poesía. O mito xurde, sen dúbida, na sensibilidade popular. Parécenos que todo mito cumia nun afervoamento sentimental ou ideolóxico para guindar ó futuro. Para o facer sobrevivir ó tempo. Dicía Dante que para resucitar unha cidade, unha historia, á vida verdadeira, cumpriría alimentala co seu propio corazón. Sabemos que o corazón da terra luso-galega encerra milleiros de fantasmagorías. Así, unha muller pode reinar despois de morrer. Unhas campás con loito poden anunciar ó vento a boa nova dunha proclamación gozosa. Inés de Castro, que nacera en Galicia, bateu en Coimbra co seu tráxico fado. Casou con Don Pedro por amor, e non por razóns de Estado. Bendiciunos o bispo da Guarda. Cando Inés ía recibir a coroa de Portugal, nobres envexosos déronlle morte. O infante Don Pedro vingouse dramaticamente. Ordenou facer funerais de raíña. Sobre o túmulo, a coroa nos panos mouros. A heráldica broslada con fíos de ouro. Tódalas campás de Coimbra déronlle ó aire liturxia de defuntos. O Mondego chorou pola galega que non chegara a ser raíña en vida. Inés de Castro fíxose estatua xacente nos sartegos das cantigas. Coimbra foi desde aquela dor de ausencia, balada de Villon. ¿Onde está a súa presencia? Está aínda na memoria popular, na canción, no romance. Poetas portugueses recriaron en versos luxosos o seu reinado. Pintores, escultores, agarimaron o tema. Chegou ata o cine, en imaxes e sombras. Con saudade na música, mantívose o recendo conimbrecense. Importa sinalar a supervivencia do mito. A vontade de sobrevivir das significativas peripecias humanas, nas que o pobo é protagonista. Non é verdade que a historia fine. A lembranza ven ser o seu rexurdimento sen carne. Tamén as traxedias cando xa non teñen vida ofrécennos o seu recendo. Todo o humán está destinado a perecer. Como os ríos, as vidas humanas encamínanse ó mar. Pero os mitos sálvanse porque non son deste mundo. Son máis ben ideas espirituais, cunha esixencia de eternidade. Como este de Inés de Castro que evocamos. Foi asasinada o 7 de xaneiro do 1355 en Coimbra. Andado xa máis de seis séculos, a súa lembranza non se esvaíu.