FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
26 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Vimos de facer unha nova lectura desa fermosa novela brasileira, publicada no ano 1956, co título de Grande sertâo: veredas . O ambiente que a obra reflexa vai moito máis alá do físico. O autor fainos entrar nun mundo expresivo a través dunha experiencia lingüística única na lingua portuguesa. Unha experiencia que, a falta de mellor comparanza, deulle ó narrador a categoría dun Joyce brasileiro. A acción decorre no interior de Minas, lonxe de calquera centro urbano. Case se non pode falar de sociedade, pois non existe esa estabilidade conferida por comunidades fixas. Cando os cangaceiros baten con algunha aldea perdida no descampado, a súa estada redúcese a unha hora de repouso. Ven ser como se se tratase dunha anomalía na realidade da súa existencia nómada. As aldeas non aparecen nunca como símbolo de males sociais para que os vengasen os cangaceiros. Sen embargo, hai aquí violencia. Ós secuaces de Riobaldo non lles falta coraxe nen virilidade. Posúen, en troque, cualidades cabaleirosas e individualizantes. A novela, de seu, favorece a impresión de chanson de geste moderna. Préstalle creto ás interrogacións de Riobaldo sobre o ben e o mal e ó seu pacto co demo. Riobaldo apaixóase, precurando, na vergoñenta dúbida, esgrimir o seu amor en termos de camaradaxe. Guimarâes Rosa escolle o mundo intemporal do gran sertâo . Evita así o confronto coa sociedade contemporánea. Pero non por iso deixa de ponderar os problemas de orde moral que tanto preocupan a esa sociedade. Tamén se explica así o tour de force lingüístico no que os rudos cangaceiros afondan neses graves problemas cunha linguaxe inédita, sui generis. No dramatis personae de Grande sertâo : veredas, o novelista olla ós marxinados a unha luz moi especial. Confírelles cualidades cabaleirescas, érgueos por riba da vida e dos seres normais. Fóra do dito verbo desta sonada novela, nos seus contos e outras novelas, Guimarâes Rosa manexa unha variedade de tipos rurais. Pero paga a pena salientar o papel que lle atribúe ós nenos. Estes aparecen a miúdo como persoaxes centrais. A novela Campo geral é unha obra prima como visión infantil do mundo. Principalmente no tocante ó contraste que o autor acada establecer entre os planos da conciencia; o do neno, ó que Miguelín pertence naturalmente. O dos pais, cheo de cousas que el non entende, pero que se explica a si mesmo dun xeito confuso. Ó neno pódenselle engadir os animais. En libros posteriores, o narrador volveuse cara ó anormal, o doente. En Primeiras estorias e en Tutaméia dáse unha característica notable. No primeiro destes libros certa chispa aínda comunicaba comprensión entre o normal e o anormal. Pero no segundo desaparece, cedéndolle lugar a unha actitude do escritor de non distinguir entre os dous estados. En Tutaméia, o autor introduce no conto unha sensación de extraña inconsecuencia. O conto desenvólvese sen motivo. ¿Chegamos ó anticonto? Nun dos prefacios do volume examina Guimarâes aspectos do arte do narrador, na definición volteriana da metafísica: «É un cego cos ollos vendados, nun cuarto escuro, buscando un gato negro... que non está alí». Engade o comentario de que o cego «pode non atopar o gato, que pensa que busca, pero si atopar algo máis importante». Nós, lectores, despois das historias extrañas de Tutameia , preguntámonos tamén si haberá nelas algo máis importante que o gato inexistente.