O 21 de febreiro, o Pen Club de Galicia fallou a cuarta edición do Premio Rosalía de Castro, premio que é un recoñecemento ó conxunto da obra literaria de escritores nas linguas da Península Ibérica (agás a galega). Nesta ocasión as personalidades elixidas foron: pola lingua castelá, Ernesto Sábato (Arxentina); pola portuguesa, Nélida Piñón (Brasil); polo euskera, Felipe Juaristi, e polo catalán, Ricard Salvat. Non sempre os medios de comunicación posúen, sobre algún dos premiados, a información a que son merecentes, razón pola cal sería útil que o Pen Club, antes da entrega de premio tan honroso, que será en abril, fixese un certo esforzo informativo ó respecto. Por se fose pouco, quen máis, quen menos, os premiados teñen algún tipo de relación, na vida ou na obra, con Galicia e coa súa cultura. Neste breve artigo propóñome resumi-la biografía galega de Ricard Salvat (Tortosa, 1934) a quen coñecín en Moscova no verán de 1962, nun Congreso da Paz, na compaña de José Agustín Goytisolo, que xa nos deixou. Hai tempo, moito, que Ricard Salvat é unha figura esencial no teatro catalán (director, autor, estudioso, profesor...). Sobre o seu saber e o seu facer xa en 1971 George E. Wellwarth emitía este xuízo: «...o home con coñecemento máis fondo da práctica e da teoría teatrais de toda España». Na biografía galega de Salvat hai capítulos brillantes, ben coñecidos por algúns, como a dirección do Don Hamlet de Cunqueiro, en 1991, no Centro Dramático Galego. Feitos hai case esquecidos, como a súa participación no xurado de obras teatrais na primeira edición do Premio Abrente (Ribadavia, 1973), edición que descubriu a un importante dramaturgo, Euloxio R. Ruibal. Nesta altura, Ricard Salvat xa era un mártir da causa da cultura galega. De feito, en 1969, na Universidade de Coimbra, onde dirixía o espectáculo Castelao e a súa época , «o día en que debería facerse a estrea (o 11 e abril), ás sete da maña, sete membros da policía política (PIDE) veñen á miña casa e, sen máis, lévanme á fronteira española onde me deixaron». Así o conta o propio Salvat no libro Els meus montatges teatrals (1971). Como director de espectáculos teatrais tivo excelentes colaboradores en Eduardo Blanco Amor, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, con este tamén noutras actividades. Foi Salvat o primeiro traductor ó catalán dos Seis poemas galegos de García Lorca. Apareceu nun volume de 1974 que eu coordinei e no que figuraban os poemas de Federico, ademais de en galego, en castelán (Ánxel Fole) e en euskera (Gabriel Aresti). Na biografía galega de Ricard Salvat hai outros episodios intelectuais, un especialmente significativo. No seu libro El teatre contemporani (Barcelona, 1966), de ámbito universal, dedícalle un valioso capítulo ó teatro galego, un teatro do que o noso estudioso coñece ben a Castelao, Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro e Manuel Lourenzo, entre outros. O libro foi, no seu tempo, case revolucionario. Titulábase o primeiro volume El teatre és un arma (De Piscator a Esrpriu) , e, o segundo, El teatre és una ética (De Ionesco a Brecht) . Cando, en abril, Ricard Salvat veña recolle-lo premio Rosalía de Castro a Galicia, virá á súa casa.