OS PACTOS POSIBLES

La Voz

OPINIÓN

BENXAMÍN CASAL

15 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai uns meses, cando se iniciou o achegamento entre Fraga e Beiras, xa xurdiron, no seo das formacións políticas destes dous líderes, voces que discrepaban desta estratexia. Afortunadamente, nin un nin outro as escoitaron e seguiron avanzando no camiño do diálogo. Pero agora, despois de que o Presidente da Xunta falara de pactos co Bloque, esas voces son máis fortes, máis insistentes e de maior significación política. Se ó primeiro desconfiaban da viabilidade da relación que se encetaba, nestes momentos descualifican os acordos por estimalos imposibles. É certo que, se queren interpretarse como pactos de goberno, a súa posibilidade non parece albiscarse no horizonte, sen embargo, se se restrinxen a eidos concretos, ademais de posibles serían de grande utilidade. No discurso de investidura co que o Presidente Fraga abriu a presente lexislatura quizais podan atoparse algunhas claves. Coas ideas que alí se expuxeron no referente a lingua e cultura, que moitos galeguistas subscribirían sen dubidalo, pode configurarse un terreo común no que establecer acordos firmes e duradeiros. Neles non só deberían participar esas dúas forzas políticas e máis o partido socialista, senón que podería estenderse á sociedade a través das organizacións económicas e sociais, sen que quedara fóra a Igrexa. A preocupación que se espallou polos sectores máis sensibles do país despois da publicación do informe da UNESCO sobre unha previsible desaparición do galego debera ser o incentivo para constituír uns pactos pola lingua e a cultura coa seguridade de que o seu establecemento pode abrir fiestras á esperanza no futuro do noso patrimonio cultural do que a lingua é corazón e sangue.