REALIDADE ESPERPÉNTICA 2

OPINIÓN

17 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Chama a atención que nunha realidade tan esperpéntica como a de hoxe non apareza un Valle-Inclán que se faga eco dela. Non é normal unha tan longa sucesión de esperpentos en tan pouco tempo: un Juanito que da gloria baixa ó inferno, unha comedia bufa coma a da entrevista de Felipe, o histerismo colectivo do extravagante caso do hiyab de Fátima, ou os ben grotescos de Villalonga, Operación Triunfo ou Gescartera... e o que virá co centenario dun certo clube, coa presidencia do Consello da UE ou coa verborrea arborescente ou en meandros do señor Sabater. O Valle-Inclán dos esperpentos é un dos referentes críticos máis acedos e sobranceiros da España grotesca do seu tempo. Pero os nosos autores de hoxe semellan moito máis preocupados de cousas que pouco teñen que ver co sentido crítico: moitos aliméntanse do pesebre do poder, outros pensan facelo e outros xulgan máis correcto dicir amén que non... Como se a frouxedade da política se tivese instalado tamén no mundo da intelixencia e esta se puxese ó servicio do poder, que tanto agradece a ausencia de sentido crítico e a docilidade. Sexa vostede un oportunista e esquézase do demais. Sexa politicamente correcto, que lle irá mellor. Amén.