O TREN

La Voz

OPINIÓN

BENXAMÍN CASAL

31 mar 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Estes días toda Galicia fala do tren. Sen dúbida este interese é positivo, pero hai moita confusión. Por unha banda, porque se teñen desatado as vellas guerras localistas e por outra, porque inducen a erro os diferentes termos utilizados para cualificar a velocidade do tren. Son innumerables as ocasións perdidas en Galicia por teren xogado os dirixentes galegos soamente a prol de intereses parciais. Os resultados foron sempre negativos: produciron frustración e o país saíu máis fragmentado das estériles loitas emprendidas. Pero non se pode esquecer que, na maioría destes casos, non tiñamos institucións de noso. Do que se trata é de comunicar Galicia co resto da península. Os intereses particulares son lexítimos sempre que opten por incardinarse no interese xeral da comunidade autónoma. Cando se desvencellan deste e tentan alimentar tendencias desvertebradoras son rexeitables. Bon é que o presidente da Xunta utilice a súa autoridade para deter os excesos localistas e reconduza o asunto ás institucións galegas ás que debe corresponder a orientación cara a mellor solución. En realidade o que importa é que o tren faga todo o recorrido á mesma velocidade, que ningunha das sete grandes cidades galegas quede sen comunicación ferroviaria e que o tren que se proxecte permita o desprazamento nun tempo que, para viaxes de curta duración, disuada o uso do coche e mesmo compita co avión. Para isto, dende calquera das cidades de Galicia debería ser posible estar en Madrid ou Lisboa en 2-2,5 horas, e en Sevilla ou Barcelona en 4-5 horas, e viaxar entre dúas calquera das nosas cidades nun máximo de 30-45 minutos. Quer dicir cómpren trens que circulen a 300-350 qm./hora. Se logramos poñernos de acordo no devandito, ben se comprende a irrelevancia de saber por onde entra ou sae o tren ou se o trazado ten forma de Y ou de L. Que cumpra premisas de tempo de recorrido e de servicio e despois que vaia por onde a técnica diga que ten menores custos.