UN SABIO FRONTE ÁS INXUSTIZAS

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

07 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Refírome a Federico Mayor Zaragoza, quen pronunciou unha conferencia o día 1 deste mes ó abeiro do Instituto de Estudios Políticos y Sociales que preside Antonio Campos Romay, a quen hai que felicitar por conseguir traer a este excepcional científico comprometido coa ciencia mais tamén coa sorte do home que a utiliza, pois sendo un científico de renome internacional en distintas áreas do coñecemento da físico-química non é o que tantas veces temos denunciado como bárbaros especialistas que fóra da súa profesión se desentenden de todo o demáis que acontece na vida, sobre todo da sorte inxusta que soportan os débiles. Dende a dirección da Unesco, cargo que Mayor Zaragoza deixou hai pouco tempo, poidemos comprobar o seu talante humano. Non é un personaxe alleo a Galiza. Doctor honoris causa pola Universidade compostelán, non era a derradeira vez que viña falar a Galiza. Na mañán do mesmo día 1 que falou na Coruña, inaugurou en Santiago o VII Congreso Internacional Exigencias de la Diversidad (1.500 congresistas). Polo ano 76, dende o seu cargo de presidente da Comisión Asesora de Investigación Científica e Técnica axudou a proxectos para o melloramento de materias primas galegas, do que tamén se beneficiou o Departamento de Edafoloxía da Universidade, proxecto que tivo éxito. O recordo por eses anos nunha reunión en Madrid co inolvidable Carlos R. Baltar, Serratosa, Guitián e Varela. Na conferencia da Coruña sentiuse preocupado polo que estaba acontecendo nese momento no Oriente Medio, mentras un pobo era masacrado e as resolucións da ONU non se aplicaban; a ONU, dixo, foi relegada por unha oligocracia como un goberno na sombra que rixe o destino do mundo, mentras Europa está calada... Moitos dos que abarrotabamos o Salón de Fonseca sabiamos do que se estaba falando: Israel é hoxe unha potencia que militarmente sobrepasa con moito a defensa do seu territorio. Conta con 450 avións de combate, 250 helicópteros, 4.000 tanques e 10.000 cañóns. Entre activos e reservas ten 650.000 soldados de terra e 80.000 de aviación, e 4.000 marinos. Está craro que se trata dunha base militar para someter a calquer país do Oriente Medio que ten petróleo, con máis forzas que todos eles xuntos. ¿Quen armou esta base militar e quen a sostén? ¿A quen serve ese que dixo que había que asasinar ós mandamáis dos palestinos? ¿Quen manda en realidade hoxe en Israel? O Sharon ese pode impedir a Solana e ó ministro de Exteriores da UE que visiten a Arafat, pero ó mesmo tempo autoriza a visita a Arafat ó representante dos EE UU. Loxicamente, ¿como ía prohibir tal cousa ó amo ó que está a servir? Non se trata de acusar ó pobo de Israel que ten demostrado ter grandes virtudes, e que sofreu as máis grandes inxustizas. Trátase de denunciar que hoxe EE UU está aproveitándose do prestixio do pobo xudeu para servir ós poderosos intereses do stablishment. Non son os xudeus os que masacran ó pobo palestino, senón uns cantos xudeus que se venderon a esa oligocracia, e neste drama non se pode descartar o fomento do antagonismo de dúas etnias manipulado polos que mandan.