André Malraux, cando as primeiras eleccións convocadas por De Gaulle, á pregunta de se se consentiría que concurrise a elas o PCF, respodeu: «Os que teñen no seu programa a destrucción da democracia, non teñen por que vivir ó abeiro da democracia». E De Gaulle, que non era ningún frívolo, nin caso que lle fixo. O resultado foi, como se sabe, que nas eleccións de 1958 o PCF, que antes delas podía parecer un partido forte, quedou reducido ó que realmente era: un partido pouco máis ca testimonial. A realidade demostrou que unha cousa era o PCF nas circunstancias anómalas de IV República, ó que ían para-los votos de castigo, e outra un PCF nunhas circunstancias menos anómalas. A situación difire da nosa de hoxe; pero nas actitudes tamén se lle asemella. Porque hai xente que non está disposta nin a ter memoria nin a aprender. Temos frívolos como Malraux ¿pero nin de lonxe co seu talento literario¿ e carecemos de estadistas como De Gaulle. E os frívolos, non nos enganemos, están nunha banda e na outra, á esquerda e á dereita. Infelizmente, os estadistas non os vemos en ningunha das dúas. Pero non o esquezamos: democracia e liberdade deixan ós non demócratas violentos máis e mellor en fóra de xogo que calquera ilegalización.