QUEN É TERRORISTA

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

12 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A ONU tiña formada unha comisión investigadora do que acontecera en Jenín, que agardaba en Italia a que o Sharon lle autorizase a entrar en Cisjordania. Logo de retrasos na autorización, Kofi Annan decidiu disolvela e todos nos mantivemos caladiños porque sabemos que esa mala besta exterminadora do pobo palestino é a man armada dos representantes do stablishment americano. ¡Miña naiciña! ¡Que terán feito os israelís ahí para que non o poida coñecer a ONU! Nembargantes abonda coas imaxes de poboados enteiros destruídos con todo o que tiñan dentro para facerse unha idea da masacre dese pobo. O curioso, se non fose tan dramático, é a aceptación calada da ONU e de todas as nacións que a integran. Hai coma un acordo tácito de arranxar algo do que acontece na Palestina a cambeo de que estemos calados: deixar en liberdade a Arafat, arranxar o cerco da Natividade, e algunha outra cousa. Facendo de Sibila paréceme que ó fantasmón ese de Bush os productores de petróleo dixéronlle que se non se arranxaba o dos palestinos suspenderíase a exportación de petróleo de Oriente Medio, que é a única arma que lle pode ó stablishment. Mais desta operación vese que a ONU xa non representa ren, dominada por forzas materiais que responde a un totalitarismo que non obedece a máis lexitimidade que a dos poderosos que a crearon para si, pois eso da democracia está ben para a propaganda, pero na realidade non pasa de ser unha utopía. O que están facendo os Estados Unidos coa ONU é o mesmo que fixeron os nazis coa Sociedade de Nacións. Hai algo máis detrás de todo esto que o alenta. Os humoristas de hoxe nos medios, o mesmo que os que operaban, en xeral, no franquismo, siguen sendo os que menos nos fan rir, ó darnos a información máis seria disfrazada dentro do seu humor. Estou acordándome do debuxo de Forges en El País do día 4 no que se ven as tripas do neoliberalismo. Está visto que a Europa, o mellor país do mundo, atópase mediatizada e un tanto asustada polo que lle pode nascer dentro do seu corpo, como reacción de Le Pens a un posible intento de ser invadidos polos países máis pobres do sur. Nós, os colonizadores, en troques de ensinarlles as virtudes da nosa cultura e laboriosidade para que se autosostiveran e os fixásemos nas súas terras, o que fixemos, como poder dominante, foi expolialos, roubándolles as súas riquezas naturais, e meténdolles todos os nosos vicios e andacios, e vendéndolles caros os remendos, e non os remedios (que diría Alonso Montero). Pobos que agora enchidos de fame non teñen máis solución que loitar a morte pola supervivencia, dispóndose a morrer matando. Saben que o Sharon de turno está preparado para os aniquilar. E cruzan o mar sabendo que poden naufragar, mais é o único vieiro que lles queda. Con iste panorama podemos preguntarnos quen son os terroristas: ¿os que se deixan matar cunha bomba no seu corpo para atacar ós explotadores do seu pobo, ou os que explotan ós pobos e cando piden o que lles pertence os masacran coa man dun Sharon intermediario que os serve?