O GALEGO, ÚTIL E NECESARIO

PILAR GARCÍA NEGRO, Parlamentaria autonómica do BNG

OPINIÓN

14 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Quen ousaría negar o direito de cirurxía reparadora a unha persoa accidentada ou ferida que precisase repor, até o posíbel, os seus trazos físicos orixinais, a sua identidade corporal? Este é o caso, se a imaxe valer, do idioma de noso, do galego. Non é unha língua morta, mais si mortificada; non é unha língua residual, mais si precisada urxentemente de recuperar falantes, de estender usos e funcións máis alá do coloquial e do ritual. Na nosa contemporaneidade, a língua viveu un extraordinário proceso de normalización, impulsado desde abaixo, desde a própria sociedade galega organizada. Grazas a isto, o galego penetrou e fixo-se natural no ensino, nos meios de comunicación, nas institucións..., en ámbitos que durante moitos anos lle foran hostis ou herméticos. Mais esta presenza ainda é moi pequena ou simbólica, máxime se temos en conta que existe un dispositivo legal-institucional autonómico, con vinte anos de existéncia, que non se aplicou na dirección favorábel e esa necesária expansión de usos e fixación de falantes e escrebentes precisa. Ainda o galego é moito máis língua subterránea do que visíbel e audíbel. Ainda é moito máis língua familiar e coloquial do que língua escrita normal. Os sinais de alerta están acesos: recordaba-o hai pouco a Unesco e nós xa o sabiamos por própria experiéncia. A pergunta é: ¿é este un destino fatal? ¿Cabe facermos algo útil para revirar a tendéncia e converté-la en positividade? Na nosa mao está. En primeiro lugar, os poderes públicos galegos, dunha vez por todas, teñen que entrar decidida e firmemente no território da legalidade: cumpríren-na, xeneralizaren o uso da toponímia oficial e correcta; aplicaren as disposicións existentes para que sexa certo o direito ao ensino en galego; usaren-no de facto en todas as suas actuacións; impulsaren a sua presenza nos meios de comunicación escritos e audiovisuais; daren exemplo, coa sua conduta, de que o galego é útil e necesário. Nós, galegos e galegas debemos saber que non hai povo libre e digno no mundo que abandone estupidamente o que o caracteriza singularmente, como é a língua. A normalidade non é o que vivemos, senón o que, no seu direito, vive o español en España ou o portugués en Portugal, o noso consanguíneo, proba do que ao galego, sua orixe, ainda falta por conquistar. O resto é retórica e anestesiantes. A pergunta non é onde o galego xa está, senón, neste século XXI, onde o galego non está, pudendo estar e ser. ¿Alguén ousaría discutir a xustiza do lema deste 17 de maio: «Polo direito elemental a aprender no noso idioma»? Que o Día das Letras Galegas sirva para converter o galego en útil e necesário. Eis a primeira necesidade vital.