CELEBRAR AS LETRAS

DEREK FLITTER, Director do Seminario de Estudios Galegos da Universidade de Birmingham

OPINIÓN

Nos anos sesenta do século pasado -o vinte, enténdase ben-, cando eu era colexial na miña pequena aldea do País de Gales, había unha data de importancia ceibe no curso escolar, que superaba aínda á festa do Nadal: era o acto conmemorativo de Santo David, santo patrón de Gales, o día 1 de marzo. Dedicábase á preparación dese acto un esforzo inusitado, incongruente. Celebrábase a nosa cultura diferenciada, que a grande maioría do pobo tiña, hei de confesalo, sobremanera esquecida durante a maior parte do ano. Nembargante, había ocasión, polo menos nesa data especial, de concienciárense todos da súa particularidade étnica e cultural: e non somentes por levar prendido á camisa, como era costume, o narciso ou o porro, emblemas históricos do País de Gales (eu sufría moito, xa que a preferencia da miña nai era polo narciso, cando os rapaciños colegas meus, cáseque sen excepción algunha, levaban todos o porro masculino), ou por vestírense as rapazas o traxe nacional, coa falda a cuadros, a mantilla de lá e o alto sombreiro negro de copa. Infundíasenos a todos, coido eu, e non penso que tal lembranza estea condicionada por ningún sentimentalismo baleiro ou falso misticismo, a conciencia de pertencermos a unha tradición orgánica; xurdía a sensación de comprendermos intimamente o imaxinario colectivo histórico do noso país e do noso pobo. O catalizador era sen dúbida a profesión da nosa lingua, tan diferente da inglesa; no intre de cantar o Ar hyd y nos ou o Llwyn-on , ou ben unha canción folclórica coma Oes gafr eto , e mesmo sen comprende-las verbas todas, a nosa comunidade era a do Cymru galés en lugares do Wales da hexemonía inglesa. Non se falaba galés na nosa casa, pois o meu avó paterno chegou dende a cidade histórica inglesa de Windsor para incorporarse á policía en Swansea, segunda cidade de Gales, e por iso o meu pai non entendía nada da lingua galesa. Emporiso revivía para min, ó falar de xeito titubeante as palabras galesas, o mundo xa pasado no que, aínda na parte industrial do sur, o galés era a lingua da vida cotiá de todos; a miña nai falaba sempre o galés de nena. Para as linguas e culturas minoritarias ¿e, mesmo despois do rexurdimento do século vinte, a porcentaxe do pobo que fala ben o galés non supera a quinta parte¿, esta concienciación é imprescindible para a vida nacional. Neste senso, comparto con todo corazón as verbas do grande galeguista Ramón Piñeiro, expresadas no precioso artigo A lingua, sangue do espírito ; dátase en 1952, e pertence entón ós anos escuros do franquismo xa despois da morte de Castelao e antes da aparición do grande libro de Celso Emilio, de xeito que cobra significado trascendente polo marco contextual da súa iteración. Encerra, para min, a comunicación emocionante de ter conciencia tanto das pasadas grandezas como das arelas futuras, da continuidade histórica e dos progresos desexados: «Como si se tratase dunha impalpable cadea anímica ¿escribe don Ramón¿, a lingua cingue en irmandade espiritual única a cantos a falaron no pasado, a falan no presente e a falarán no futuro». A lingua conserva e amosa tódalas experiencias espirituais dos que a foron creando no pasado, recolle e asimila tódalas que lle incorporan os que a falan na actualidade e entrégalle todo este caudal expresivo, todo este inmenso tesouro espiritual, arrequecido sin descanso por sucesivas xeracións, a cada un dos que comezan a aprendela cada día. É un herdo espiritual, legado colectivo de cantos pertenceron ó mesmo pobo, no que están latexando as arelas, as emocións, as esperanzas, as tristuras, os pensamentos, as dúbidas. Polo idioma entramos en comunicación con esta totalidade humana que constitúe unha irmandade espiritual, un pobo. Recorre Ramón Piñeiro á visión romántica do pobo, das Volk de Herder e do romantismo alemán, preferencia xa desgastada polos abusos do nazismo e logo despois pola afición autoflaxeladora da época poscolonial, na que cómpre ser en primeiro lugar o anodino bo europeo da propaganda integrista, conforme ¿e uniforme¿ en todo. Estamos xa lonxe de poder profesar, sen que nos atilen de reaccionarios ou xenófobos, o patriotismo fondo de contido espiritual que está nos maravillosos comentarios de Ramón Piñeiro. Polo menos o están os ingleses, a quen queda cáseque vedado o celebra-la festa do seu patrón, San Xurxo, pois, conforme as pronuncias da élite liberal que desgraciadamente nos goberna, tal actividade incendiaria poidera causar ofensa ás minorías (e discrimina, é certo,ó o dragón). Nesta época de censura liberal, é unha auténtica ledicia ler un texto coma o comentario de Ramón Piñeiro á poesía de Lois Pimentel: «Máis alá das empresas políticas e das cobizas económicas, que en cada época van reagrupando os esforzos colectivos, queda sempre un fondo humán de sentimentos íntimos, de sentimentos espontáneos e xenerosos que se alimentan coa quentura do corazón e que lle falan á conciencia persoal. Este fondo humán asolagado no interior de cada alma, máis alá das empresas e das loitas da comunidade social, só na Poesía atopa reflexo obxetivo. Son os poetas quen realizan o milagre de lle dar corporeidade expresiva á pura e núa intimidade humana. Por eso a historia espiritual dos pobos sempre ven a identificarse coa historia da súa Poesía». Por iso, coido eu, resulta tan importante mante-la importancia dun día coma o Día das Letras Galegas, e non senti-la obligación de declararse avergoñado do patriotismo. Lembrémonos de que outro grande don Ramón, neste case Otero Pedrayo, dixo que os galegos, ó le-los versos dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, atópanse «sobrecollidos coma diante da ialma inmorredoira da Galiza». Celebra-lo Día das Letras é narrar Galicia no seu devalar histórico, non permitir que esa ialma feneza; obrar doutro xeito sería unha traición.