01 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando o réxime anterior, as cousas mellores, as máis escoitadas e tamén as máis agardadas, sempre as dicían os bispos. Non dicían grandes cousas, pero aquilo que dicían agradecíase porque só eles o podían dicir. E cando dicían ben, haberá moitos que lembren as ronchas que facían no poder, o que proían e o que doían as súas pastorais e demáis pronunciamentos. Un ten dereito a preguntar: ¿tan mal andan as cousas que volven as pastorais alá polo País Vasco? Ninguén negará algúns feitos preocupantes: o esforzo rectificador do Goberno, descafeinador de toda idea de plurinacionalidade, no que tan a fondo se vén empregando; a súa maneira tan chulesca de gobernar, así como seu estilo, que tantos rexeitamos, de facer inimigo do opositor lexítimo. Anque este sexa Batasuna. Os bispos vascos, coñecedores daquel país, tampouco agora dín nada novo, nada que non teñamos repetido aquí máis dunha vez: a democracia é pacto ou non é nada. Se tanto nos proe e doe ter que pactar, non somos demócratas. Estamos recoñecendo un fracaso total como políticos. Seremos outra cousa, pero non demócratas. E, gobernando así, está claro que nos imos achegando ás maneiras do réxime anterior. ¿Será por iso que volven os bispos por onde sempre para ter que falar do de sempre?