Cando a Conferencia Episcopal de España deu o paso dos Catecismos tradicionais, teocéntricos ou cristocéntricos, ós Catecismos antropocéntricos e se fixeron os novos programas para o ensino de Relixión, estivemos sete profesores traballando en Madrid bastantes meses. E ante a Lei de Liberdade Relixiosa, que liberaba da asistencia ás clases de relixión ós que o pedisen, tres dos sete queriamos propoñer ós señores bispos que se deixase de imparti-la relixión como adoutrinamento e se impartirse tan só como feito cultural. Non o conseguimos, a pesar dunhas longas discusións cos da Comisión de Ensino da Conferencia. E a razón que daban era de mero pragmatismo. De querer aproveitar a tódolos colexios e incluso ós profesores nacionais, porque unha boa parte non ían ás catequeses. E agora, despois de máis de 25 anos, non se consegue ese adoutrinamento na maioría dos casos, e ademais atopámonos cun grupo de cidadáns totalmente analfabetos en cultura relixiosa, o que lles impide unha axeitada comprensión de moitas obras de arte, pintura, escultura, literatura, etc., e incluso de moitos feitos históricos. E esta ignorancia leva a verdadeiras barbaridades, como aquela que, explicando a Capela Sixtina, dixo que enriba dun velliño de barba branca, que debe representar a Deus, había unha pomba e iso debía ser un toque ecolóxico do artista. Por tanto, alégrome moito da creación dunha nova asignatura de relixión como fenómeno cultural e obrigatoria para os que non teñan a confesional, para que non haxa máis analfabetos relixiosos. E así, quero darlle as gracias a esa desenfeitada e valente ministra, Pilar del Castillo.