Non me refiro á gran novela de Thomas Bernhard, senón ó andazo que xa agora se está espallando e que algúns chaman cuestión nacional. En síntese, veñen dicir que, logo de case vintecinco anos, se terá producido un debilitamento das posicións filonacionalistas periféricas, callando nun novo conservadorismo. Polo que cómpre rectificar e ir chegando ó patriotismo constitucional, ou sexa, ó nacionalismo español de sempre. A prensa da caverna, que tanto fala de constitucionalismo, ben quixera esquecerse dalgúns conceptos que debuxan o modelo de Estado establecido na Comunidade Europea. Non aturan que nesta se recoñeza, máis ou menos, a realidade plurinacional do país e prefiren unha nova lectura -aínda outra máis- que deixe sen contido ese modelo, afirmando ben ás claras a reaccionaria idea dun retorno ó pasado. A un pasado cada vez máis preto das ideas joseantonianas e orteguianas, ou sexa, franquistas. Corrector retroceso a prol das ideas de nación-estado, de hexemonía da patria grande sobre a patria chica e demais resesos mitos do nacionalismo español. É como se non houbese capacidade para máis: moi lonxe, pois, da cobiza de corrección perfeccionista da novela de Thomas Bernhard.