Os procesos de reflexión sobre cambios nas leis móvense entre dúas necesidades: a habituación de comportamentos para garanti-la permanencia das conductas, e ter normas operativas que respondan ás necesidades da realidade social. A nosa Lei de Normalización Lingüística (L.N.L.) está a cumprir 19 anos, e deu uns froitos ben abondosos, creando as condicións de posibilidade para que a lingua galega acadara niveis sobranceiros de prestixio, aceptación social e convivencia pacífica das linguas presentes na nosa comunidade. Estas son tres metas das que non se debe abdicar. Sen embargo, as circunstancias sociais son máis dinámicas do esperado e a L.N.L. empeza a non ter respostas para algunhas necesidades que se tornan perentorias, sobre todo, adoece de carencia de forza impositiva; por isto, en puridade xurídica non é unha auténtica lei. Toda lei ten dúas partes esenciais: 1) Determina-lo ámbito social dos dereitos e deberes protexidos, ordenados ou promovidos. 2) Establece-las accións, mecanismos e mesmo sancións que fagan posible o cumprimento. Isto segundo, que resulta tan importante como o anterior, está ausente no texto legal do que estamos a falar, é dicir, non ten expresados aqueles mecanismos que permitan esixir «o interese xuridicamente protexible», no caso presente estaríamos a referirnos ós «intereses lingüísticos». Pensen que no caso de litixio este segundo punto é definitivo, do contrario non pode darse unha «consecuencia xurídica» sancionadora dun feito probado que vaia contra a lei. Tampouco se poderían esixir «beneficios» para casos de «cumprimento manifestamente gravoso». Se a isto agregamos a consideración do principio nulla poena sine lege (no hai pena -sanción- sen lei -previa), comprenderemos comportamentos lingüísticos rexeitables, pero non sancionables. Se o texto non é propiamente unha lei ¿qué é? Pois, unha norma que emanou do noso poder lexítimo, valora unha situación social e do seu articulado emanan uns deberes e dereitos que son apoiados polas autoridades e polo grupo social; pero non é un mandato xurídico, non contemplou a imperatividade legal. Aquí estamos no miolo da cuestión, ¿a natureza xurídica dunha norma provén da forza imperativa ou non? Parece que as escolas xurídicas, aínda que diferente xeito, coinciden en que si. Todo o que se leva dito non empana o gran papel que desenvolveu a nosa L.N.L, nin o avance que con ela imprimiron ó galego persoas como o sempre recordado Ramón Piñeiro, ou o aínda presente Carlos Casares. Non é iso, senón que nas novas circunstancias e coas novas iniciativas, para intentar ser realmente eficaces, deben ter un soporte xurídico pleno (debemos disponer de dous pés xurídicos): a) un ben protexible -a lingua galega-, e b) uns mecanismos de protección que no texto actual non están recolleitos explicitamente. Antes de que a Lei cumpra vinte anos, parece necesitar que lle deamos maioría de idade: con poder de esixencia.