Moitos e graves son os problemas do galego. Tan absurdo é o falso optimismo oficial como o negativismo de que aquí todo acabou. É certo que se conseguiu un dos principais obxectivos: a escolarización do país. Non se pode esquecer que isto era moi importante. Pero tanto, ou máis, é que da escolarización pasemos a asegura-lo uso social da nosa lingua. E aquí xa se debuxa un panorama máis ensarillado e complexo. Porque eses escolarizados refugan expresarse en galego. Ou sexa, segue rompéndose a cadea de transmisión do galego dunhas xeracións ás seguintes -o máis grave feito no día de hoxe-. Non se soubo, ou non se quixo, ou non hai vontade política dabondo para que o uso social do idioma se normalice, asegurando o seu uso xeral e cotián polos agora xa escolarizados. Así como sabemos moito do que se fixo noutras partes con problemas semellantes, e dos resultados que se acadaron, nada sabemos se aquí, entre nós, por parte dos poderes autonómicos, hai ou non hai vontade de pasar a esa segunda parte vital para o futuro do galego. Vai sendo hora de que se faga algo, e dende xa, porque agora si que a falta de vontade política pode supoñe-la total inutilidade do que deica hoxe se leva feito.Unha grave responsabilidade histórica, abofé.