NA PRAIA, no verán, tódolos corpos son ridículos. ¿Non son ridículas tódalas cartas de amor, que dicía Pessoa-Álvaro de Campos? Se ben máis ridículo será, engadía, quen nunca escribíu cartas de amor ridículas. Aínda máis ridículos son os que van en bermudas, lucindo pernas que mellor estarían cubertas. Estaredes cansos de ver parellas que veranean porque el loce bermudas -signo o máis elocuente de que se está vacante. Teño o convencemento de que todo home que usa bermudas é un mandado da súa muller, que se impón ó home de moitas maneiras; e unha das máis cotiáns é poñer ó seu home de bermudas: que todo o mundo vai de bermudas, que non vas ir contra a moda, que son moi prácticas. E el, varón domado, ponse as bermudas para mellor luci-las pernas ridículas. E senón, fixádevos nos políticos en vacacións, que tanto mandan, lucindo as súas bermudas, e á súa beira, satisfeitas de si mesmas, as súas mulleres. As vacacións non se conciben sen bermudas. E se xa tódolos corpos eran ridículos, con bermudas non sei que diría o bo de Pessoa. Seguro que diría que, por esencia e natureza, o ser humano é ridículo.