O HISTORIADOR I. Wallerstein, ao analizar nove conflictos violentos actuais entre os que cita o vasco e o norirlandés, lembra que este tipo de conflictos sobre poder e dereitos remataron sempre por unha vía política. Historicamente demóstrase que así foi. Compre lembralo cando a pregunta máis común agora é se a ilegalización de Batasuna nos achega máis á paz. A vía irlandesa non parece posible hoxe porque non hai negociadores dispostos. En Irlanda foino porque a orientación política do Sinn Fein impúxose á lóxica militar do IRA e aquí todo indica que ocorre ao revés. Iso é precisamente o que argumenta o xuíz Garzón para demostrar o carácter delictivo da acción dos que pasan gostosos por monaguillos políticos de ETA. De ser doado xa se tería feito. Hai que probar feitos, non abonda con relatar por xunto o que xa sabemos nos últimos 25 anos. No dereito democrático para condear non chega coa convicción moral. Para rematar cos gangsters, de Capone a Gotti, houbo que atopar probas. O cancro da mafia resistíuse seis décadas á lei. Aznar tampouco é Blair. Moitos xornais europeos expresan receos sobre a ilegalización. A vía civil elexida polo PP xera máis dúbidas que certezas. As que expuxeron precisamente algúns dos partidos con máis historia democrática da Cámara española. Dende o Bill of Rights as liberdades civís e os reximes de garantías son fráxiles e hai que protexelos. A lei de partidos, feita porque hai que facer algo , pode atentar contra dereitos constitucionais segundo recoñecidos xuristas e non aclara ren sobre as responsabilidades penais de Batasuna. Xulgando intencións, non feitos, determina que o que cala otorga. Gandhi, nacionalista hindú, logrou a independencia á vez que inventaba o pacifismo moderno; fíxoo cando era máis dificil, a cabalo das dúas guerras mundiais.