Incendiarios

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

SOLEIRA

07 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

AS NOTICIAS que nos chegan sobre o número crecente de incendios forestais no noso país deben levarnos a pensar no que está pasando e a adoptar medidas imaxinativas que acaben con este terrorismo -non teño dúbida de que é un terrorismo coma outro calquera- que parece moi desta terra nosa. O escaso número de incendiarios postos a disposición da xustiza pode que nos impida ter un coñecemento acaído da personalidade destes terroristas. E se oito de cada dez incendios parece que son intencionados, non hai dúbida de que temos polo país adiante un número de terroristas dos que non sabemos moito, por non dicir que case nada. O problema non parece nada doado de resolver, pero ó mellor valería a pena tratar de saber que perfil ten o terrorista forestal. Paréceme que non vai ser moi diferente dos demais terroristas. E non debe de ser tan problemático detectalos, sempre que se dispoña dunha boa información e se empregue ben. Se nada se fixo nese sentido, hora é de que se vaia facendo, porque estamos diante doutro factor máis de destrucción de Galicia. E o país non pode estar outros vinte anos agardando solucións.