FALAR BEN
14 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.«CO LUME forestal [...] ¡Arde Galicia, pero non queima!». Esta canción de Os Resentidos serve para ilustrar un dos problemas que máis fortemente azoutan Galicia: os incendios forestais. Son moitas as noticias que día a día fan referencia a este tema, e é nelas onde tamén día a día se atopa o uso, ás veces incorrecto, de dous termos moi semellantes, pero non sempre intercambiables: lume e fogo . Os principais diccionarios galegos recollen a dificultade da súa diferenciación. Así aparece no DRAG98: « Fogo e lume son palabras de significados moi próximos, aínda que é difícil establecer unha delimitación teórica». É no uso onde ámbalas dúas palabras quedan ben diferenciadas. Fogo ten un significado máis restrinxido ca lume , e só nalgúns casos non pode ser substituído por este último. En primeiro lugar, cando nos referimos á 'detonación feita cun arma' (A policía abriu fogo contra os delincuentes) . En segundo lugar, cando se trata do 'conxunto de foguetes e artificios pirotécnicos' (Iniciáronse as festas cos fogos artificiais) . Lume ten o significado de 'chama de calquera substancia en combustión' (Había lume no monte; Prendeulle lume á casa) . É tamén 'calquera materia ardente' (Hai pouco lume na lareira) ou 'materia coa que acender' (¿Tes lume para o cigarro?) . Lume é así mesmo sinónimo de resplandor (Devezo polo lume dos teus ollos). «¡Arde Galicia! [...] Tacón, tacón, tacón, punta, tacón». falar.ben@lavoz.es