Máis de pirómanos

OPINIÓN

14 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO A MIÑA XERACIÓN, alá polos anos cincuenta, empezou a descubrir a Faulkner, eu quedaba sorprendido tanto da súa técnica narrativa como das semellanzas que, en ocasións, atopaba entre o mundo creado polo gran novelista e o mundo rural do que eu procedía. Entre as vivencias das súas novelas que me resultaron máis inesquecibles están os pirómanos, suxeitos ben coñecidos no medio en que me criei. Polo que lembro, e por moito que difira a sociedade rural galega de hoxe da de hai cincuenta anos, os incendiarios eran xentes que executaban vinganzas, case sempre por tropezos coa xustiza, e os montes baixos, de propiedade privada, ardían tanto ou máis ca hoxe. As razóns poden ir dende envexas e preitos entre veciños a trasnadas de xente nova, pasando por certos intereses industriais. Pero gardo a imaxe dos pirómanos como xente resentida, que ama a destrucción porque nada pode construír, xente marxinal desa da que se di que está «escornada» con todo o mundo. Un home enfermo. Un terrorista, ó cabo. ¿Tanto custa dar con el?