Euskadi somos todos

OPINIÓN

20 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO LEVANTAMOS a tertulia eran as tres e media da madrugada: tres galegos, un madrileño, outro de Valladolid, un andaluz residente en Barcelona, un asturiano e un vasco. Escritores. A semana pasada falei aquí dos encontros de Verines, ese espacio de relación e coñecemento que anualmente reúne autores e autoras das catro linguas de España, cada quen co seu mundo detrás, cos seus problemas e os seus pantasmas, cos seus prexuízos, para falar. Unicamente para falar. Bernardo Atxaga entrou no problema de Euskadi. Acabou entrando, quero dicir, forzado pola curiosidade e o interese dos demais. Falou da condición e da situación do escritor, máis especificamente da súa experiencia na realidade difícil, complexa, desgarradora e feroz do labirinto vasco. E noteino canso, moi canso. Non é o primeiro amigo a quen escoito falar así. Atrapados no fogo cruzado, enfrontados á incomprensión e ó fundamentalismo fanático de uns e de outros, nalgún momento creron que había unha saída, seguen agarrándose a esa esperanza, pero o túnel non acaba nunca, parece como se se alongase cada día máis, non se lle ve o final. -¿Que vai pasar? -Non o sei. Ánxel Lertxundi, amigo tamén, vive unha situación parecida. E Jon Cortázar. E Ramón Zallo, por citar algúns. «O máis grave -confesounos Atxaga- é que non hai sitio para ningunha outra voz. Ninguén quere oíla. As posicións están tan ríxidas, tan encirradas e radicalizadas, que ou comigo ou contra min. Nin sequera é posible explicar o que pasa. Non hai pontes. Dinamitáronas». Nos últimos meses varios miles de asinaturas respaldaron escritos, demandas, comunicados públicos sen resultado. A penas tiveron eco nos medios de comunicación. O que se di en Euskadi, fóra dos discursos establecidos dende os dous bandos, non existe, ou non se quere escoitar. A prensa nacionalista ignóraos, por heterodoxos e os medios de comunicación españois (os de Madrid) prefiren o discurso de Jon Juaristi, cando di que «a loita contra o terrorismo é a loita contra o nacionalismo. Non hai outra solución». Medio mundo contra medio mundo. ¿Que pensa realmente a sociedade vasca? Exprésase nas eleccións, pero as posicións a penas se moven, e o medo, agochado nas familias, nas consciencias, nas vontades, actúa coma unha mordaza. Hai concellos nos que os representantes do PP, por exemplo, non coñecen ós seus electores. Viven isolados, sen interlocución posible cos seus votantes, que non se atreven a achegarse. E viceversa, o nacionalismo afírmase nas trincheiras e resiste por reacción, radicalizándose cada día un pouco máis. Atxaga apunta unha frase: «nin sequera hai xa ocasión para a discrepancia, só hai distancia. Unha distancia cada vez maior, que abre un foxo profundo e infranqueable». Ramón Jáuregui, dende o Partido Socialista de Euskadi, propoñía hai poucos días un novo encontro (urxente) entre as forzas democráticas, non violentas, para falar. ¡Hai que sentarse a falar! Pero incluso as palabras están gastadas. ¿Como foi que deixamos perder a razón das palabras? ¿A quen lle interesa que as cousas vaian así, cada vez peor? ¿A quen beneficia esta carreira cega cara adiante, este disparate? Euskadi somos todos. Tamén nos afecta a nós.