A VIOLENCIA pode espallarse coma o fogo se algún vento, por maino que sexa, lle axuda. E certos costumes, tamén coma o fogo, tenden a espallarse. E non digamos xa se veñen impostos polo máis forte, por aqueles que se teñen por señores do mundo. Entre eses costumes está a falta de respecto ós demais: ou estás comigo ou estás contra min. Así de sinxelo. E de simple. Os violentos din que canto peor, mellor. É o coñecido alicerce do inferno terrorista. Pero existe sempre un perigo certo: que ó combate-la violencia nos volvamos máis violentos ca firmes. Perigo que é universal, pois as actitudes, por mímese ou polo que sexa, vólvense xerais. Non sabemos onde nos levará a violencia que hoxe xeran dominadores e dominados. Seguro que a nada bo. Pero é de verdadeiros dirixentes elixir, con firmeza, as medidas máis axeitadas, máis prudentes e máis imaxinativas, e ser menos escravos das enquisas e sondaxes e mirar máis polos intereses xerais, que non sempre baten xusto con aquelas. Porque noutro caso podemos estar creando as condicións que nos leven dereitos a unha sociedade sen paz, sen acougo, sen humanidade. Agora mesmo, un risco universal.