Contra a prostitución

| MARÍA XOSÉ QUEIZÁN |

OPINIÓN

22 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O 23 DE SEPTEMBRO dedícase a condenar esa práctica que Kofi Annan define como a escravitude do século XXI. Mesmo así, o capitalismo salvaxe con luvas postmodernas pretende a súa legalización. Estamos nun dos momentos históricos máis conflictivos en relación coa dignidade das persoas, especialmente mulleres e nenos, e as persoas que defenden os dereitos humanos están obrigadas a reaccionar contra a pretensión de legalizar a prostitución. O intento non é novo, pero tampouco o é a batalla para abolir a prostitución. Como consecuencia do movemento abolicionista, no ano 1949 Nacións Unidas adoptou a Convención Internacional contra a Trata das Persoas e a Explotación da Prostitución. Ante a inoperancia actual daquela Convención e ante a presión exercida polos beneficiarios do negocio, no ano 2000 volvéronse reunir abolicionistas de moitos países e conseguiron que uns 80 asinasen, no 2001, un Protocolo para enfrontarse ao Tráfico Humano e á Prostitución Transnacional. Coma ocorreu no resto do sistema capitalista, o negocio da prostitución foi pasando do proxeneta particular ás multinacionais, do macarra de barrio á Internacional Macarra actual que obtén beneficios multibillonarios traficando coa carne máis barata do mercado. En España hai máis de 300.000 mulleres prostituídas e a súa explotación xenera uns 12.000 millóns de euros. Cando menos, as 3/4 partes dos prostituidores son homes casados. Manter esta explotación humana e afirmar que gozamos de igualdade e dun réxime democrático é unha incoherencia; pretender legalizala peor aínda. A tendencia legalizadora considera a prostitución como un traballo normal, un traballo sexual, pero non é igual a venda da forza de traballo que a da propia persoa. Vender o corpo é vender a identidade, non é traballar. Se isto se leva a cabo será unha volta ás cavernas desde a perspectiva ética.