«Esperámosche»

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

SOLEIRA

28 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A CONVOCATORIA nestes días dun certo partido a un acto electoral, nunha cidade galega, convidaba a concorrer ó mesmo cun ferinte Esperámosche . ¿Pero que esperarían os organizadores do tal acto? ¿Que fixese bo tempo para o día sinalado? ¿Que teñamos unha boa vendima? ¿Que ascenda o Compostela? Porque todo cabe. E se tivesen escrito o correcto, é dicir, esperámoste , non habería equívocos. Que a estas alturas a propaganda dun partido non saiba diferenciar esperámosche (dativo ou complemento indirecto) de esperámoste (acusativo ou complemente directo) é un signo dos tempos, do pouco aprecio, por non dicir desprezo, polo primeiro sinal de identidade do país. Cando a maioría do país está xa escolarizada en galego, non se entende ese esperámoche , de gargallada xeral. Gargalladas coas que moitos festexan a ignorancia dos demais. Se ben outros non podemos botalas, pois diante da ignorancia temos unha actitude moi diferente. Aínda tratándose, pensamos nós, dun síntoma ben ilustrativo do que a certos partidos lles importa este país.