CHOMSKY, o gran lingüista, é un dos intelectuais máis combativos do noso tempo, como é sabido. Por riba de todo, combate os abusos do poder, en especial o dos EE.UU. O seu caso dista moito dos intelectuais seráficos tipo Einstein, Böll ou Russell, que non tiñan o menor inconveniente en facer pronunciamentos sobre cousas que descoñecían. Chosmsky non só sabe do que fala, senón que o sabe con erudición e rigor. Pero tamén é certo, ó meu ver, que poucas veces é convincente. Son moitos os estados canallas do mundo de hoxe e non só un. Case todos o son e ás veces máis ca que ese un. Estamos de acordo con el cando combate a política antiterrorista dos EE.UU., pero non con certa comprensión súa con outros terrorismos. Polo menos, habería que combatelos por igual. É o que non vexo nunca claro nas súas proclamas, en ocasións grandilocuentes e tamén demagóxicas algunha vez. Ademais, a crítica acostuma ser fácil; o difícil é artellar alternativas constructivas que sinalen camiños a seguir.