PREGUNTÁBANSE quen me acompañaron a vela ¿de que exilio?. Home, do exilio republicán, ¿de cal vai a ser?, os outros xa pasaron a historia e ninguén se acorda deles. Comparados co exilio republicán que padeceron, posiblemente, un millón de homes, mulleres e nenos, os outros non pasan de ser unhas escapadas ao estranxeiro de pouco tempo. O exilio republicán é o exilio por antonomasia; un exilio que arrastrou ao máis importante da intelectualidade española, logo de loi-tar tres anos contra o fascismo, o nazismo e outros totalitarismos internacionais, e a transición das supostas democracias occidentais. Durante os 40 anos que durou o franquismo ocultóuselle ao povo español ese marabilloso e terrible drama do exilio xunto coa prohibición da memoria histórica do século XX. A Guerra Civil española foi o primeiro episodio, que durou tres anos, da II Guerra Mundial. Alemania e Italia ensaiaron nos nosos eidos a súa maquinaria de guerra. Nengunha outra epopeia pode compararse coa loita que espontaneamente asumiu o povo (Castelao di que o povo sabe que «...a República do 14 de abril morrera o 18 de xullo e o povo non estaba loitando pola Constitución do 1931 (...) e non se sabía porque o povo colleu voluntariamente as armas...» nunha loita que tivo o respaldo dos intelectuais que corresponderon con 40 anos de exilio, no que moitos deles morreron. Hai que felicitar aos organizadores desta exposición, por facela, reunindo unha gran cantidade de documentación que aporta unha boa parte da historia do exilio. A felicitación ten que ir primeiro a Alfonso Guerra e a Virgilio Zapatero, logo a todos os que colabouraron nela. Sen dúbida, os organizadores non contaron co éxito que ía ter a mostra e limitáronse a reunir esa gran cantidade de documentación que se expón nunha serie moi longa de vitrinas, que é unha das razóns, dende logo non a principal, das interminables colas que se forman pra tentar ver a exposición (o que esperamos lles aleccione de que a memoria estase recuperando, a quen fan tantos esforzos por ocultala). Pode que a mostra está pensada para eruditos ante un certo temor de que unha máis didáctica poidera escandalizar ao establecemento dominante interesado en que non se coñeza. A exposición ven dar unha lección aos da España uniformizada a «porque sí», pois todos os exiliados e ningún dos nacionalismos ibéricos no exilio tentou reivindicar separatismos, mentras o centralismo carpetovetónico non fixo, nin fai, máis que provocar aos arredismos coas súas baladroadas patrioteiras, das que deica agora só poido ceibarse a máis importante das Hespañas -Portugal-, mais se insisten no erro todo se andará. O catálogo da mostra, moi importante, deixa nalgúns aspectos fora a Galiza. Por exemplo, os presidentes do goberno da República, Casares Quiroga e Portela Valladares, que morreron no exilio, non os vin. Unha páxina adicada a Castelao ilústrase co traslado dos seus restos, que non foi o acto máis glorioso da transición. O que máis se salva é Luis Seoane con catro páxinas que se ocupan del, do que nos sentimos moi satisfeitos. E no traballo de Bonet estúdanse os nosos artistas exiliados con xenerosidade, dentro do que até agora se sabe. Mais axiña vaise a saber máis do que aportou Galiza ao exilio.