ENTRE OS síntomas de exclusivismo do nacionalismo centrípeto está que os máis importantes xornais españois nunca dedicaron unha páxina á literatura galega, nin á nosa cultura en xeral. O feito é como para empuxar a un a ser arredista coma eles, pois arredismo é o que están facendo: exclúennos, logo non existimos. Pero sempre foi así. E a súa óptica queda moi ben reflectida nesas expresións tan habituais e enxebres -castizas-como «en provincias», ou sexa, un mundo á marxe e de menor entidade, ou cando tamén nos falan da periferia, palabra agora de moda para se referiren á mesma actitude mental. Nada cambia porque todo se anova. O suposto é unha mostra máis da falta de respecto ó outro, tan típica deste país que xa é tópica. Alá no fondo, e na forma, o máis cómodo de todo é aceptar que non existimos. Sómolos outros os da marxe. Pero, claro, eles non son arredistas: para eles, no mesmo suposto, seriámolo os demais. O nacionalismo dominante é sempre arredista. ¿Pero é que pode ser outra cousa?