O XÉNERO literario conferencia vai esgotado e o seu porvir é ben escuro, pero o xénero discurso ten porvir asegurado. Poucos van hoxe ás conferencias, aburridas e sen obxecto: outros e mellores son os medios que a xente ten para o coñecemento e a información. Un gran conferenciante como García-Sabell acostuma dicir que lle aburren as conferencias, incluídas as súas. Pero estamos condenados a aturar discursos polo resto da nosa vida. Discursos en homenaxes, na festa do grelo ou da troita, neses miles de festas de algo que inzan este país, en inauguracións e outros moitos actos sociais, dende vodas a xogos florais. O discurso está cheo de porvir. Pero amola tanto ou máis cas conferencias. Pensade na vulgaridade deses discursos nos que se fala da muller e da familia do homenaxeado -á beira dun grande home hai sempre unha muller paciente que sabe aturalo e axudalo-, entre outros tópicos que teñen a virtude de estraga-la dixestión. Vulgaridades que, xusto por iso, aseguran o seu futuro.