O FEITO de non ter unha tradición democrática lévanos a situacións impensables noutros países. Por exemplo, hai uns días un dos vicepresidentes do Goberno aseguraba a un xornal galego, para desbotar calquera idea nacionalista, que el só cría nos dereitos individuais, non nos dereitos colectivos. Unha resposta que tamén poderían ter dado Franco, Solís Ruiz, Girón ou Aznar. Chama a atención que un político se sinta obrigado a dicir tal cousa. Por exemplo, a un político inglés, cunha longa tradición democrática, nunca se lle ocorrería tal adoutrinamento de mal gusto, senón que se remitiría, con humor, ó que os escoceses, ou quen for, decidisen facer. O problema, paréceme, é ben coñecido: por principio, a actitude non é nunca a de comprensión, a de situarse no lugar do outro, a civilizada de racionaliza-las cousas, senón a de rexeitar, a de silenciar, a de enfrontar. Ou sexa, a dos «féridos e duros» do poema de Pondal. Que é a que lle acae a un país «hosco y duro», que ben dixo Cernuda.