A CATÁSTROFE é unha realidade, un feito irreversible, e mesmo aínda pode ir a máis. As sucesivas avalanchas de chapapote que seguen a arribar ás praias, con esa bomba de reloxeria instalada diante das nosas costas a 3.500 metros de profundidade, anuncian unha longa batalla que non fixo máis ca empezar. Unha batalla social, na que estamos implicados todos, e que demanda decisión e coordenación, recursos técnicos, económicos e humanos, planificación e acción directa, inmediata. O espectáculo das nosas xentes do mar ten moito de épico, pero tamén de acción desesperada. Escribo dende a cidadanía, non dende os intereses de grupo nin de partido, que neste caso non o teño (non quero telo), e comparto, xa que logo, as declaracións do presidente da Xunta cando di que este cataclismo (non sei calificalo doutra maneira) ha ter consecuencias moi serias tanto para o goberno coma para a oposición. Goberno e oposición, en canto que opcións diferenciadas do corpo social representado no Parlamento (núcleo central do sistema democrático), non son entidades abstractas. Sobre ámbalas dúas recae a máis alta responsabilidade. Ou son quen de artellar solucións, formuladas dende o raciocinio, non dende a visceralidade, ou o sistema resentirase, e moi gravemente, abofé. Temos un problema obxectivo de credibilidade e de liderazgo. O Goberno non pode botar enriba da oposición a súa parte de responsabilidade impunemente: a xestión da catástrofe. ¿Qué demanda a cidadanía do Goberno? Solucións, recursos suficientes e organizados (haberá que contratalos alí onde os haxa), información certa (non manipulada) e seguridade. Nada disto tivemos. Á oposición corresponde a crítica, a fiscalización das accións do goberno, sentido da medida e unha alternativa crible, documentada e ilusionante. Precisamos, hoxe máis ca nunca, de esperanza para sobrevivir. Ai de nós se perdemos a esperanza. Da desesperación xorde ou o abatemento (suicida) ou a rabia descontrolada, que acaba xerando máis frustración e violencia. Exemplos temos. O Grapo naceu en Vigo, no barrio de Teis, nun momento de profunda crise económica, sen posibilidade de expresión democrática (o franquismo) nin de que tal cousa houbese no horizonte inmediato. Eran uns desesperados. Non está en xogo só o noso futuro económico e social. En certa maneira, xogámonos a eficacia do sistema, que se non é eficaz non serve. Hai unha reacción social espontánea, xenerosa e esforzada que cómpre saber canalizar, liderar, non axitar indiscriminadamente. Velaí a responsabilidade da oposición e do Goberno, cada quen dende o seu ámbito de competencias, nin revoltos, nin guindándose uns contra os outros acusacións retóricas no Parlamento. A sociedade civil, da que forman parte moi principalmente os medios de comunicación, está a dar unha lección histórica que debería fortalecernos, entre outras cousas porque aquí deben estar a nacer os políticos do relevo, os homes e as mulleres que han coller necesariamente o timón dos novos tempos. Case que é a única lección positiva de todo isto. Dos grandes momentos de convulsión nace o músculo do futuro.