Desprestixio político

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

21 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A TRAXEDIA do Prestige puxo de manifesto moitos desprestixios, como o da chamada clase política, cada vez máis allea á nosa sociedade. Por iso, as xentes desamparadas, que aínda hoxe seguen arrincando chapapote coas mans, sen outros medios, asubían e aldraxan ós políticos, e fan ben. Asubían ós políticos porque saben dos moitos millóns de euros destinados a frivolidades para saír na foto -Cidade da Cultura, Casa das Palabras e tantas outras-, desatendendo urxencias que por non telas resolto poden afundir este país por algúns anos. O problema é sempre o mesmo: o aldeanismo paifoco dos nosos políticos, os europeos incluídos, e de primeiros. Ademais da súa incompetencia. O desamparo total de Galicia diante dunha traxedia como a que agora nos atingue, só ós políticos se pode apoñer. Son os primeiros culpables pola súa visión estreita das cousas, pola súa irresponsabilidade e pola súa incompetencia. E polo seu absoluto desprezo polo país.