PÁXINAS SOLTAS
18 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.ESTOU LENDO unha tese de doutoramento sobre dona Emilia Pardo Bazán e nela, de pasada, fálase dun feito que a min sempre me fai reflexionar. Un periódico no que dona Emilia escribía pasou un cuestionario ós lectores preguntándolles a cal dos seus colaboradores literarios prefería. Dona Emilia tivo noventa e dous puntos fronte ós trescentos corenta e oito de Luís Taboada, autor esquecido hoxe. Á pregunta de cal dos literatos españois que escribían na prensa era o seu favorito, Pardo Bazán recolleu sesenta e catro puntos, mentres que Eusebio Blanco, non menos descoñecido hoxe, recibiu trescentos dezaoito. Naqueles tempos non había televisión, de maneira que a opinión dos lectores dependía exclusivamente das lecturas, e a min sempre me resulta sorprendente esa disparidade cos criterios da posteridade, que se supón que representan os valores perdurables. O tema preocúpame non tanto polo que ten de inxusta valoración duns méritos literarios senón polo que indica das dificultades de facerse entender. Cando escribo unha novela, eu non penso nos lectores. Unha vez feita, gústame gustar, pero eso é algo accesorio. Non conta no momento de escribir. Os artigos son outra cuestión. Unha escrebe para chegar á xente, para comunicarlles algo, pero a experiencia demóstrame que a distancia entre autor e lector é moitas veces insalvable. Recordo que unha vez comentei que, de pequenos, xogabamos ás guerras, que as nenas tiñamos que ser enfermeiras ou raíñas, e que eu quería ser capitán, coma os nenos. Unha enfermeira escribiume indignada polo «desprezo á profesión». Outro rapaz galego escribíame longas cartas para dicirme que me odiaba, me odiaba e me odiaba, porque eu representaba o elitismo, a intransixencia e o autoritarismo. Eu penso que esta columna defendeu sempre as ideas de liberdade, de igualdade e de xustiza social que tamén defendo na vida. Non sei que opinarían os lectores se La Voz lles pasase un cuestionario. Confésolles que prefiro non sabelo.