Vida

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

ESTE ARTIGO íase titular doutra maneira: A morte do laño . O laño é ese fendedura na pedra, territorio entre mareas, onde habita e se reproduce a vida (a fartura do mar): o polbo, o congro pequeño, o pinto e a maragota, o mexillón, a nécora... O mar vive no laño. Cría no laño. Alí reproduce e medra o que logo ha señorear os pastos das profundidades. Percorrín estes días co meu amigo Xaime, mariñeiro do trasmallo, o paraíso das rías, dende a illa de Ons á boca de Sálvora, e subimos logo cara ó mar de Carnota e Fisterra, na procura do chapapote asasino. Poden dicir o que queiran, pero está alí. Segue chegando. Instálase nos recunchos máis agochados, onde é máis difícil acceder. Os areais son outra cousa. As praias límpanse (ou disimúlase a catástrofe), nelas parece como máis doado loitar contra a peste. Pero no laño está a vida. Disque os esquimós teñen nove maneiras distintas de denominar a cor branca. A lingua define os territorios do coñecemento. Para os urbanitas o mar é o mar, e a area é area, simplemente. Todo o máis, seca ou mollada. A nosa xente mariñeira distingue polo menos oito clases distintas de area: area seca, area mollada, area gorda, area fina, area doce (que é a area fina que lava o mar), tesal (un pouco máis adentro), bruhal, fanco (que é onde aniña a ameixa) e cunchido. O cunchido é o gran territorio da cría: moelos (tamén chamados burros), arolas, reloxios, cadelas e cadeluchas (segundo o tamaño), cornichas, croques, croques vieiros, vieiras, zamburiñas, ameixa babosa, ameixa fina... sen contar linguados, sollas, rodaballos... «Se o chapapote pousa no cunchido -explícame o meu amigo- serán dez anos de destrucción, polo menos». Aínda que hai cousas que xa non teñen remedio. Manfred Gnadinger, por exemplo, o alemán de Camelle, vivía no laño. En certa maneira era unha criatura do laño e do cunchido, coma o polbo, coma os cormoráns, coma os biluricos. Igual ca eles, matouno a depresión e o cataclismo. En Porto Alegre, a plataforma antiglobalización que se reúne na cidade brasileira estes días, en contraposición ós encontros de Davos na capital suíza, van falar do Prestige . Seguro. É irremediable. O caso do petroleiro afundido diante das nosas costas, con eses miles de toneladas de veleno a 3.500 metros de profundidade, converteuse xa nunha metáfora do noso tempo, exemplo dun modelo de desenvolvemento e crecemento económico que hai que revisar, e que non é algo único, nin casual, senón consecuencia dun xeito de facer (e entender) as cousas. Alguén terá que reaccionar. Durante case douscentos anos, dende finais do século XVIII, a civilización e o progreso viñeron fundamentándose na explotación da natureza. A cultura do carbón e do petróleo sostense sobre a destrucción progresiva dos recursos naturais. O prezo deste pretendido progreso é altísimo. A natureza pásanos agora factura e advírtenos que sen ela nin hai progreso nin hai futuro. Non somos unha illa, dicía Hemingway, nin estamos sós no mundo. A guerra de Irak, en certa maneira, é o Prestige , igual que a destrucción da Amazonia, o buraco de ozono na Antártida, a morte das focas no Labrador ou a fame en Etiopía. Desequilibrio e inxustiza, que reclaman cada vez con máis afouteza unha Nova Orde Internacional, unha nova mirada, unha nova filosofía, a recuperación de foros perdidos (a ONU), e mesmo das vellas palabras: os nove nomes do branco dos esquimós, por exemplo, ou as oito clases de area que aínda recoñecen os homes e mulleres das rías. Este artigo ía titularse doutra maneira. Pero vin a fotografía de Xurxo Lobato o pasado xoves nas páxinas de La Voz, eses 40.000 nenos nas praias, coarenta mil voces de esperanza, no areal de Traba, e pareceume que o futuro non está perdido.