Nacionalidades históricas

| XOSÉ M. NÚÑEZ SEIXAS |

OPINIÓN

28 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O TERMO nacionalidades históricas non existe como tal na Constitución. Nela alúdese (art. 2) ó dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que integran a «indisoluble» patria española. A vía do art. 151 se reservaba para aquelas comunidades que no pasado prebiscitaran estatutos de Autonomía, o que só acontecera no caso de Cataluña, País Basco e Galicia. Mais esa apelación ó precedente histórico consagrou a diferencia na linguaxe política entre esa troika de nacionalidades históricas e o resto. Foi unha solución de compromiso entre varias sensibilidades concorrentes por parte dos diferentes partidos que negociaron o texto constitucional. Para uns, España era unha nación con rexións descentralizadas administrativamente. Para outros, un ente plurinacional. Para outros máis, algo intermedio e pouco definido. O concepto nacionalidade, de certo uso no XIX español, dista de ser preciso. No Imperio Austrohúngaro aplicábase ós grupos étnicos con consciencia nacional diferencial, malia non posuíren Estado propio. O principio das nacionalidades establecía que a cada nación debía corresponder un Estado. En España o termo esténdese dende o periodo de entreguerras. Con todo, se para uns nacionalidade é igual a nación (sen Estado), para outros será un sinónimo de nación imperfecta que puido ser e non foi, e que no presente subsiste como identidade cultural. Na práctica, o termo serviu para dar encaixe simbólico ás reivindicacións dos nacionalismos subestatais. Aceptaron o café para todos , pero con doses de azucre diferentes, xa que as súas comunidades non foron recoñecidas nacións diferentes. O termo nacionalidade histórica posuía, pois, a virtualidade de que podía ser interpretado a vontade dende diversos ángulos. Pero o único que outorga cualidade de nación a un territorio é a vontade de o ser, é dicir, a identidade nacional diferencial. O resto é discusión... nazarí.