OS RECTORES magníficos fan o que poden, levan canda si o mandato (e os intereses) dos seus respectivos territorios (ou claustros) e puxan polo seu, segundo a oportunidade e a circunstancia. Cada negociación é unha batalla. Desta maneira aparece nos xornais e desta maneira séntena eles (e a opinión pública), cada quen defendendo a súa posición, avanzando alí onde o territorio e o adversario o permiten, afortalando prazas conquistadas, acosando as do contrario, incluída a guerra psicolóxica, a estratexia mediática e o recurso ós poderes fácticos da zona: políticos, financeiros e corporativos (moi especialmente as Caixas). Fan o que poden. Están pillados, coma o estamos todos (tal que se nos presenta o modelo), e a cuestión vai ser moi difícil de arranxar. O reparto último (que non o derradeiro) de titulacións entre as tres universidades galegas é un capítulo máis dun proceso que vén de atrás e que cómpre explicar non só dende a segregación da universidade galega en tres universidades (1989), senón dende esa mentalidade profunda que nos tolle e condiciona: a incapacidade case que estructural (e psicolóxica) para entender o país coma un todo, non coma un conxunto de parroquias. O modelo naceu mal dende o principio, na miña opinión. Ninguén discute a necesidade da descentralización. Galicia, que carece dun único referente integrador, como Barcelona é a Cataluña, por exemplo, está obrigada a construir o seu propio modelo dun xeito harmónico, equilibrado, a base de elementos complementarios e interrelacionados, consonte as súas posibilidades, non no vacío. O noso modelo é a federación. Debería selo. Unha federación compensada, capaz de estimular as potencialidades das partes para a construcción dun todo. ¿Que está a suceder, sen embargo? Exactamente o contrario. Perante a incapacidade de construir ou propoñer un modelo integrador (responsabilidade que corresponde núltimo termo ó poder político) e co argumento da tantas veces citada (e non sempre entendida) competitividade, cada quen turra para si como pode, e «o que máis chifle, capador», segundo a vella expresión dos nosos paisanos. Tres titulacións para o Audiovisual (A Coruña, Santiago e Pontevedra). Outrosí para a Informática. As Telecomunicacións irán detrás. Tarde ou cedo, apurando o modelo vixente, sucederá o mesmo con Medicina. Acaba de anuncialo o rector Meilán. Ti pides e eu pido máis. Ti empuxas e eu empuxo para o outro lado. O poder político (a Xunta) cumpre esixindo o coste cero . ¿De que falamos? ¿Canto custa poñer en marcha en condicións (agora si, competitivas) un centro de formación destas características, tres centros, en realidade, que esixen infraestructuras (instalacións físicas), equipos, tecnoloxía en constante proceso de actualización, persoal docente..? Ninguén bota contas, ou se se botan, ninguén as expón claramente nin as comenta. Na era da Sociedade da Información, cando cada vez son máis doadas as comunicacións de todo tipo (o país pode aspirar a unha rede axeitada de autovías) e cando a tecnoloxía permite intercambios de información en tempo real, superando tódalas distancias, viaxamos na dirección contraria. ¿Canto leva moverse de Vigo a Coruña, por exemplo? ¿Ou de Santiago a Ourense, unha vez que se remate a autovía prometida? ¿Canto custa unha boa rede de residencias universitarias e bolsas de estudio? ¿Alguén fixo números arredor dun modelo así, comparándoo co que se está propiciando: tres universidades (que en realidade son sete) competindo desaforadamente entre elas, todas a por todo, e obrigadas a un investimento multiplicado? ¿De onde van sair os cartos? ¿Podemos permitírnolo, cos recursos económicos que xeramos? ¿Ata cando? E non falo do custo social, esta tendencia a localizalo todo ó pé da casa e, coma quen, en zapatillas: sete teatros de ópera, sete sinfónicas, sete museos de arte contemporánea, trescentos polígonos industriais, incomunicados entre si, precariamente dotados... En Cataluña hai unha única Cámara de Comercio. ¿Cantas hai en Galicia? Os rectores fan o que poden. É o modelo o que falla, e o peor é que a estas alturas da guerra non ten fácil solución.