NOS TEMPOS do Caudillo, como moitos han lembrar, os chistes sobre o dictador espallábanse por todo o país cunha rapidez prodixiosa. Un dos máis expresivos era aquel dun seu neto a quen o profesor lle poñía diante o mapa de España e lle preguntaba que representaba, e respondíalle: «La finca del abuelito». Nestes días lembrei o chiste pola desencaixada reacción que dende o poder se produciu coa actitude dos que aproveitaron o acto da entrega dos premios Goya para condena-la guerra que vén. Culpouse a todo o mundo, incluída a propia TVE, por non ter lido previamente o guión. A deslealdade, para o Goberno, non tiña dúbidas. Digo que lembrei o chiste da finca do avó porque, dende o Goberno, seguen sen entender que un servicio público sexa de todos e para todos, e non se limite ós intereses dos que gobernan, que non sempre son os de todo o país. Como o neto do chiste, pensan que o país é a súa finca. Pensan así e así actúan. E non lle quitémo-lo seu xoguete porque se enrabechan.