Eu non son batasuno

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

SOLEIRA

15 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

EU, SEÑORES, non son batasuno. Nin eu nin moitos que, coma min, berran nunca máis , ou que onte fomos manifesta-lo noso noxo e a nosa vergoña por unha guerra inxusta na que nos meten por non sei que complexos inconfesables e nunca confesados. Porque seriamos moitos centos de miles de batasunos a enche-las rúas das nosas vilas e cidades. Os que por centos de miles saímos á rúa a manifesta-lo noso noxo e a nosa vergoña só fomos batasunizados pola ineptitude dos políticos que gobernan este país, non polo BNG nin por calquera outro. E eses políticos, con tanta capacidade e con tanto poder, lograron o milagre de batasunizarnos por centos de miles. ¿Tan eficaces son na súa incompetencia? Non, non somos batasunos. Somos galegos votantes de tódolos partidos, dos de aquí e dos de alá, que vimos e seguimos vendo xuntos que a nosa dignidade non se pode seguir ofendendo nunca máis. Enténdano ben: non nos une máis cá defensa da nosa dignidade ofendida e aldraxada polo poder. Enténdano dunha vez.