UNHA TARDE de domingo, en Madrid, o taxista que me levaba ó aeroporto empezou falar de fútbol. Ou fun eu, non o sei. Daban pola radio os resultados dos partidos e pregunteille polo Celta. Axiña me contestou que el era do Atlético de Madrid, e sinaloume cun aceno de orgullo o salpicadeiro do coche onde levaba as insignias do clube, ó carón dunha foto da familia. «Atlético de toda a vida», sentenciou. O seu pai fora tamén do Atlético, e os seus tíos. Do Atlético era el e mailos fillos. E dende había poucos meses a súa neta, a primeira que tiña, á que nada máis nacer inscribíraa como socia do equipo. Mais engadíu: «Pagamos relixiosamente os recibos, alí están os nosos asentos para cando queiramos ir, pero mentres ese tal Gil sexa o presidente, ninguén de nós pisará o campo. Vai para cinco anos que non entro no estadio». A anécdota é verídica. En van intentei explicarlle ó taxista que o tal Gil non só era o presidente do Atlético de Madrid, senón o seu propietario, que a maioría das accións eran súas, ou da súa familia, que o clube era unha empresa (unha sociedade anónima) e que aquilo era un negocio, non sempre, claro, moito menos transparente... Revolveuse. «¡O Atlético é dos madrileños, da vella afección do Manzanares!». E recitoune de seguido a alineación gloriosa dos tempos de Peiró. Tamén me contou como os seus pais e os seus tíos chegaran emigrantes da Extremadura e pousaran nunhas casas vellas, perto do antigo campo de aviación, etcétera. Como en tantos outros casos, para aquel home o Atlético era moito máis ca un clube. Era parte da súa identidade. O que está sucedendo no Compostela, presidido por Xosé María Caneda, é bastante parecido. Unha afección defraudada, desconcertada, que xa a penas vai ó campo, e un personaxe que é propietario do clube (pois detenta a maioría das accións da sociedade anónima) e apela para sobrevivir ós valores da patria local, a simboloxía emocional, ¡o clube de tódolos santiagueses!, movendo para si unha máquina arruinada que, sen embargo, non se extingue, e que utiliza coma un patrimonio propio. ¡Mesmo o Concello está metido no sarao! O asunto sairá na campaña electoral de maio. Seguro. O futbol é un espectáculo. Move miles de millóns de euros. Constituídos os clubes en sociedades anónimas (e polo tanto en empresas privadas) seguen a detentar, sen embargo, o valor emocional das vellas tribos, os símbolos da pequena ou mediana comunidade, a pequena nación unida arredor da bandeira e, polo tanto, activada por valores afectivos, non racionais, o que a fai extraordinariamente vulnerable. Atención, que en política tamén se dan estas situacións: o pobo axitado emocionalmente por líderes que, apelando á salvación das patrias ou a non sei que grandezas míticas e colectivas, acaban tendo patente de corso para todo. Non doutro xeito se explican as dictaduras, e algúns dos máis feroces crímenes contra a Humanidade. Sen esaxerar: o fútbol ten un problema estructural que está sen resolver e que atinxe, moi fundamentalmente, á transparencia da súa xestión e á responsabilidade dos seus xestores. Move emocións que os seus administradores (tamén propietarios) coñecen perfectamente. Xera cantidades de diñeiro como ningunha outra industria do espectáculo produce nestes momentos. Alguén tiña que poñer orde, luz e taquígrafos neste proceloso lerio. Nos meus quince anos de editor houbo dous libros que, por máis que porfiei, nunca fun capaz de conseguir: un refírese ós diñeiros do futbol. ¿Que hai detrás deste negocio? ¿Cantos intereses move? ¿Ata onde chegan os seus entrapallados fíos? O outro, curiosamente, refírese ós diñeiros da comunicación. Pero esta é outra historia.