TEÑEN QUE SER ben escuros e moi fondos os complexos de alguén que nos di que dá o seu apoio ó belicismo de Bush pensando que así deixaremos de non contar no mundo. Apoio tanto para masacrar un país xa hoxe ben masacrado como para substituír a Sadam por un títere submiso ó imperio, aínda á marxe e en contra de todo dereito. Así deixariamos de se-los últimos da clase. Ninguén pon en dúbida que o actual Goberno USA está actuando, e vai seguir facéndoo, á marxe dos dereitos humanos e das máis elementais normas do dereito internacional. Non se ve qué grandeza pode haber no apoio a estes procedementos que todos refugamos. Porque tamén cómpre manter algunha estética. Triste grandeza, pois, esta de que axudemos ó matón que malla nun eivado. E enriba para roubarlle a carteira. Porque iso non é senón baixeza de pouco gusto, de escasa ou nula estética, máis ben impresentable. Cando menos, non hai que perde-la estética. Para non facernos impresentables.