NESTES DÍAS, ler a prensa da caverna dá mesmo arreguizo. Ten dous temas que xa son unha teima: a inmediata guerra que vén e o que chaman nacionalismo periférico ou xa cuestión nacional . Mesmo dá noxo a linguaxe belicista, o estilo de enfrontamento, as maneiras, ó cabo, dese xornalismo chocalleiro. E lembrei Per la concordia , o fermoso libro de Cambó, aínda hoxe de moita actualidade. Porque os feitos seguen sendo os mesmos. Como Ramón Lugrís escribiu en 1955, hai desencadeada unha persecución mortal contra todo intento de diálogo. Pode que sexa unha teimuda característica nacional.A proposta federal de Cambó procedeu dunha dereita civilizada, para nada semellante á de agora. Era unha novidade porque nin a dereita nin a esquerda españolas foron quen de facer nunca unha proposta para a concordia. Puido se-lo a Constitución, pero xa se ve que se utiliza para calquera cousa, e non sempre, nin ben, para máis e mellor concordia. Ben pouco temos aprendido.