NINGUÉN DUBIDA do fundamentalismo de Bush. Algúns xornais americanos así o din, e aseguran que as súas palabras teñen moita receptividade. Este é un dos problemas, non o único: que a xente está disposta a crer calquera cousa, por exemplo, que a completa restauración de Israel é requisito previo para a segunda volta do fillo de Deus. O fundamentalismo, que tanto ten que ver coa ignorancia, pois é unha sorte de superstición sen gracia, é o grande inimigo da razón, non só para o futuro, senón dende xa. El vai ser un dos máis graves problemas das sociedades abertas no porvir máis inmediato.Porque vai ser imposto polos fundamentalistas do único poder hexemónico. E para impoñelo é moi pouco o que precisan: sociedades acríticas, idiotizadas pola televisión, que recibirán o que lle boten e aceptarán o que se lle propoña. Unhas sociedades moi semellantes á que acepta os sermóns de Bush. É como para ter medo dese ser estraño, pero temible e tráxico, que é o ser humano.