O PACIFISMO e o non á guerra son unha cousa e outra a barbarie. Recoñezamos que só uns poucos casos desta última abondan para restar eficacia á xustiza e oportunidade das manifestacións pola paz e contra a guerra. Porque introducen un elemento de inxustiza semellante á que se quere combater. Outra cousa é que o partido do Goberno non entenda que está recollendo o que deica agora veu sementando. O seu estilo de gobernar, á marxe das maneiras democráticas que se adoitan nos países civilizados, non é menos violento có destes outros violentos.Toda violencia debe ser erradicada. Pero mal exemplo se dá cando un membro da policía carga ó besta contra unha pacífica manifestante, como todos vimos. E peor aínda a vella teima de endosarlle ós demais as nosas propias culpas no canto de asumilas, ou seguir gobernando a couces e creando enfrontamento permanente na nosa sociedade. Porque seguiremos creando violencia. Ou sexa, terrorismo.