Dereitos constitucionais

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

A CATÁSTROFE do Prestige primeiro e agora a guerra en Irak inauguraron un proceso na sociedade galega (e española) de difícil marcha atrás. Poucas veces a sociedade civil ten expresado tan claramente a súa disconformidade, a súa protesta política, a súa capacidade de movilización colectiva como arredor destes dous acontecementos. Poucas veces a reacción social galega empatou con tanta forza no discurso global (e emocional) do seu tempo. Os sucesos de Irak veñen movilizando nas últimas semanas amplos sectores da sociedade mundial. O caso Prestige , pola súa dimensión castastrófica, arredor dun feito cada vez máis sensible á opinión pública (o medio ambiente), e polas circunstancias que o rodearon (a actitude dos gobernos e das administracións), provocou non só a reacción dos afectados, senón unha poderosa marea de solidariedade alén das nosas fronteiras. Irremediablemente, haberá un antes e un despois, logo destes dous feitos. A dimensión positiva é a reacción cívica. Un pobo, tradicionalmente calificado de pasivo, case que instalado na resignación, reacciona politicamente e amosa unha capacidade de resposta social insospeitada, que sorprende mesmo ás organizacións políticas que o representan (incluída a oposición). O movemento Nunca Máis , por moito que dende o poder queiran descalificalo, é unha forma de manifestación cívica, case que de autorganización que só se explica dende os parámetros novos da modernidade, quérese dicir: dende a consciencia dos dereitos democráticos dunha cidadanía activa. A reacción contra a guerra ten unha dimensión similar, enxergada na dinámica da sociedade contemporánea (a globalización).A dimensión negativa é a crispación. O poder resístese e a oposición actúa. Na guerra de propaganda mediática, superados os primeiros momentos de desconcerto, a máquina do poder pon en marcha tódolos seus recursos para ver de reconducir a situación (promesas, medidas compensatorias, descalificación do adversario, etc.) e a oposición intenta, lexitimamente, canalizar a marea do descontento dentro do propio sistema. Son as reglas do xogo, non exentas de excesos e de exabruptos, tamén é certo, que nalgúns casos conviría controlar, pero que están na dinámica dos feitos. A actitude e as declaracións públicas do Goberno resultan difíciles de asimilar, enfrontado a un clima de protesta social que demanda outras respostas.Tamén os sucesos violentos dos últimos días (e das últimas horas) deben entenderse neste marco axitado. Grupellos minoritarios, sectores marxinais e incontrolados actúan no proceso e convértense en axentes activos non desexados. Aquí é onde o sistema e os seus protagonistas (as organizacións políticas, os líderes sociais representativos) deben actuar dun xeito resolutivo e inequívoco. ¿A quen favorecen estas accións? Pretender descalificar o movemento social (ou amordazalo) implicándoo neste tipo de comportamentos é inxusto e manipulador, tan manipulador como o que pretenden as minorías anti-sistema adonándose da indignación popular e intentando capitalizala a prol doutros obxectivos. A movilización social, a folga, as manifestacións públicas son un dereito constitucional, un principio democrático irrenunciable, que forma parte esencial do sistema. A súa eficacia reside no principio de respeto e no dereito á discrepancia, que inclúe o respeto á opinión contraria, non compartida, e un comportamento cívico (pacífico) que en todo momento, e ata agora, foi impecable. Provocar con accións violentas (ou con acusacións interesadas) é un acto de irresponsabilidade que cómpre denunciar e aillar, sometendo aos seus protagonistas ao dictame dos tribunais, logo de identificalos, á espera de que sexa a cidadanía, chegado o momento, quen poña as cousas no seu sitio. Nas urnas, que é onde se exerce a democracia.