Nunca máis un home

OPINIÓN

FÁLASE estes días do libro Hay vida después de los cincuenta , de Rosa Villacastín, coñecida periodista da prensa rosa. Este tipo de libros, como o da americana Erica Jong Miedo a los cincuenta, parten dun feito social que dan por incuestionable: que mentres os homes de cincuenta anos están na cumio da súa profesión e atractivo físico, as mulleres comezan unha desolada etapa vital. As autoras loitan por combater o aserto do que parten e, predicando co exemplo, animan ás mulleres a descubrir os encantos da terceira idade. Eu non podo deixar de pensar no que dixo Simone de Beauvoir na súa autobiografía, ós cincuenta e cinco anos, cando reflexionaba sobre o que sería a súa vellez: «Nunca máis un home». Estaba deprimida, pero nunca se desdixo daquelas palabras que vinculaban a vellez ó deterioro físico e á perda de atractivo sexual. E non foi porque lle faltasen amantes novos, homes e mulleres que en ocasións compartía con Sartre e sobre os que intercambiaban comentarios crueis. Pero era consciente de que aqueles rapaces e rapazas acudían a eles seducidos polo talento, pola fama, pola imaxe pública. Esa mesma consciencia da perda de atractivo físico levaba a Cernuda a escribir: Mano de viejo mancha / el cuerpo juvenil si intenta acariciarlo / Con solitaria dignidad el viejo debe / pasar de largo junto a la tentación tardía . O talento, o poder, a fama, a riqueza permiten a algúns, escasos, homes conseguir unha parella vinte anos máis nova. Cando as mulleres sexan de verdade socialmente iguais ós homes, tamén algunhas a conseguirán. Trátase dunha cuestión social: o poder, xa se sabe, seduce. Pero hai outra cuestión máis fonda que non se debe escamotear: o feito de que o atractivo físico acábase, inevitablemente. Pódese retrasar, pero acábase. A pura atracción física, esa corrente de desexo que parte duns ollos anónimos a outros ollos anónimos, eso que sacudiu tantas veces a nosa vida para ben e para mal, eso, a todos se nos acaba un día: o día que comeza a vellez.