As primeiras letras

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

MEU AVÓ Valeriano ensinoume as primeiras letras polo xornal. Había ter eu cinco ou seis anos. Poñíame no colo, contra a tardiña, despois de merendar, e, guiándome co seu dedo, facíame soletrear os titulares. Aínda teño memoria diso. Se cadra son os meus primeiros recordos, xunto coas primeiras imaxes da miña nai, que morreu sendo eu moi pequeno. O vello Valeriano era guarda civil, fixera a guerra de África, deprendera a ler no exército e tiña unha extraña e intensa relación coa lectura (e coa cultura). Sospeito que era máis unha intuición ca unha certeza, pero polas súas orixes humildes, analfabetas, os libros (a letra impresa en xeral, tamén os periódicos) tiñan un aquel especial. O descobrimento da lectura significou para o meu avó o descubrimento da liberdade, da súa liberdade interior, que o facía distinto e, ao mesmo tempo, o liberaba da escravitude dos seus ancestros, pegados ao terrón da leira (que nin sequera era súa). O mundo dos libros, mesmo que fose un mundo reducido no seu caso, abríalle un horizonte que ata que o descubríu probablemente nin sospeitaba. Iso era o que quería transmitirnos a nós. O meu pai, polas mesmas datas, metíanos na cama a meu irmán e mais a min, os domingos pola mañá, e recitábanos poesías. Nada de complicacións. Eran case sempre as mesmas: o Romance del prisionero e a Canción del pirata de Espronceda. Non sabiamos onde estaba Estambul. Nin tiñamos unha idea clara de Asia e de Europa. Pero a imaxe do barco entre os dous continentes, armado ata as enxarcias, coas velas despregadas, disparaba a nosa imaxinación. Son dúas lembranzas da infancia, das primeiriñas. Supoño que, cando menos en parte, a miña afección e interese polos libros e pola literatura nacen de aí, desa relación estreita, coma quen sementa nas orixes, que meu pai e mailo avó facían se cadra sen sabelo. Volve outra vez a crise do libro. Unha vella teima. ¿De que crise falamos? Nunca se leu tanto como agora (tamén en galego). Nunca se editou tanto. Sen embargo, a sociedade percibe unha carencia obxectiva na súa relación cos libros, unha asignatura pendente, que non sabemos como aprobar. Hai moitas maneiras de intentalo: imaxinación dos editores e dos autores, compromiso activo das institucións, traballo na escola... Pero eu quixera hoxe falar dos principios, aqueles meus cinco ou seis primeiros anos, no colo do vello Valeriano, na cama do meu pai, co meu irmán. ¿Cantos pais len cos seus fillos? Non falo de lles mercar ou agasallar libros, que tamén. Falo do placer da lectura compartida, moi especialmente neses primeiros anos. Falo desa marabillosa descuberta, dese primeiro camiñar xuntos. O que se sementa, máis tarde ou máis cedo, acaba por dar froito e neste caso podo asegurar que é moito máis ca unha afección intelectual, é unha ligazón indestructible, que non sempre se produce. Volvín estes días onda meu pai. Xa non é aquel mozo garrido que recitaba poemas aos seus fillos. Cumpríu oitenta e dous anos. Bota a maior parte do tempo na cama. Fállalle a memoria. Ás veces trabúcao todo e non é fácil unha conversación con el. Nin sequera lle interesa a televisión. Pero o outro día falamos dos vellos recordos, daquelas mañás dos domingos (non perdidas). E de súpeto, empezou a recitar. Era emocionante. Outra vez o Romance del prisionero , os dous xuntos.