«¿EE. UU. como xuíz, xurado e verdugo do mundo por decisión propia?», pregúntase abraiado o historiador A. Schlesinger jr., vendo os tortos camiños da política exterior do seu país, pregunta que se fan moitos, dentro e fóra deste, como é ben sabido. Difiren as posibles respostas, e dan arrepío as que algúns nos dan. Por exemplo, a do filósofo Glucksmann, que subscriben tamén Bruckner e Goupil ( Le Monde , 14 de abril), sostendo que Francia dividiu Europa, paralizou a OTAN e a ONU e que, lonxe de evita-la guerra, a precipitou, poñéndose fora de xogo, ridiculizada. As expresións son súas. Custa traballo admitir que alguén que se teña por filósofo -os políticos son outra cousa, xa se sabe- poida xustifica-la negación dos valores do dereito de xentes, a prioridade sobre eles dos baixos intereses, a entronización das mentiras máis obscenas, o dar por boas probas prefabricadas, a validez, ademais sen matices, da peor lei da selva. ¡E todo isto na Francia de Camus, meu Deus!